Toda unha experiencia brasileira en pleno Ribeiro

Despois de moito tempo agardando, por fin chegou o campamento de primavera, tres días nos que as lobetas puideron coñecer máis as súas compañeiras, aprender sobre o entorno e pasalo ben. Incluía a “caza”, un proxecto organizado completamente por elas, dende a realización do menú ata a elección das actividades, e para o cal esforzáronse facendo extrajobs o trimestre anterior.

zona de acampada scout en Tourón

Deste modo, e con moita ilusión, o xoves comezou coa chegada ao lugar do campamento, na localidade de Tourón, no municipio de Melón da comarca do Ribeiro, onde recibimos as familias. Tourón e unha aldea pequena e tranquila con poucos pero moi amigables habitantes, en plena contorna natural e cunha chea de recunchos onde as lobetas poden xogar e pasalo ben, é dicir, un lugar perfecto para facer unha acampada coas pequenas.

scouts contra vexetación invasora

Pouco despois de estar listas e preparadas, dispuxemosnos a realizar a primeira actividade de moitas. “A scout ama e protexe a natureza” e polo tanto, como scouts que somos, realizamos unha actividade de servizo para a prevención de lumes no lugar coa colaboración de Amigos da Terra e a Comunidade de Montes de Tourón, que tamén nos cedeu o lugar onde acampar. Esta actividade consistiu na eliminación de eucaliptos, unha especie vexetal invasora que está directamente asociada a problemática dos incendios forestais como os que asolaron Galicia no outubro de 2017, onde precisamente esta localidade foi moi afectada por un dos maiores lumes, que destruiu máis de 5.000 hectáreas.

Tras unha breve charla, na que as lobetas aprenderon o perigo que supón esta perxudicial especie para os nosos montes, puxémonos mans á obra e hora e media despois, xa tiñamos máis de 10.000 árbores invasoras arrincadas! Cun sorriso e moito cansazo a actividade rematou coa recompensa dun rico xantar na aldea. Esta actividade foi parte da campaña deste ano de ASDE – Scouts de Galicia para prestar un servizo público que contribúa á prevención dos incendios forestais baixo un prisma de educación ambiental. Igualmente está tamén integranda nas accións que o noso colectivo fai a prol do medio ambiente ao abeiro do noso proxecto anual apoiado por Voz Natura.

scout no ruralA tarde tocou descubrir un pouco de Tourón e arredores, mentres realizamos un divertido rastrexo. Para moitas lobetas, foi unha actividade nova que nunca tiveran ocasión de experimentar. Cunha guía na man e gran curiosidade dispuxémonos a seguir as pistas e descubrir todos os camiños segredos cos que contaba a aldea. Pouco despois chegou a hora de merendar e, tras uns xogos, a unha equipa dispúxose a realizar a cea. Aínda que era a primeira vez que cociñaban, coa axudas das Vellas Lobas fixeron unhas faxiñas moi ricas que comemos con entusiasmo e ledicia. O día rematou cun Consello de Rocha, no que algúns dos nosos lobatos amosaron interese por facer a promesa durante os vindeiros días.

cociña campamento scout manda manada

A xornada seguinte estivo adicada á “caza”. A idea principal, por parte das peques, foi facer un día ambientado en Brasil, e as Vellas Lobas encargámonos de facelo realidade. Deste xeito, a mañá comezou cunha introdución das personaxes que estaban listas e preparadas para a acción. Seguidamente, as lobetas participaron nun Master Chef brasileiro, no que realizaron unha Torta de Brigadeiro para a merenda e unhas boliñas de cenoria e pan de queixo para a cea, todos doces típicos do país latino.

ambientación en Brasil

A tarde estivo chea de xogos, todos encaixados na temática brasileira, e a través dos cales puideron aprender algunhas cousas sobre este exuberante país americano. O día rematou cun axexo, no cal as lobetas tiñan que entrar nas bases protexidas polas Vellas Lobas sen ser recoñecidas. Empregando trucos e mañas, como cambiarse a roupa e taparse a cara, conseguiron entrar e vencer ás scouters.

Manada en ruta scout

O último día do campa chegou con rapidez. O sol quentaba e o ceo estaba despexado, polo que preparamos o xantar e a mochila coas cousas necesarias e marchamos de ruta. Por alí están as súas famosas e fermosas pozas, o que representaba unha oportunidade perfecta para aprender un pouco da natureza que nos rodeaba. Camiñamos ata alí empregando o mítico xogo de mesa da “oca”, pero en 3D, onde para avanzar cada vez que caian nunha casilla tiñan que realizar unha proba, tendo como obxectivo conseguir os peluches dos personaxes do Libro da Selva.

scouts en ruta

Pasado un tempo e chegando ao lugar, paramos cheos de fatiga a comer un bocadillo moi apetecible. O bo tempo, a auga fresquiña e o piar dos paxaros convidounos a tomar un baño neste marabilloso lugar e a remollar os pés cansos. Moi contentas, regresamos a tarde e realizamos un acto comunitario de despedida, no que tres dos nosos lobatos: Maio, Mauro e Hugo, realizaron a súa promesa.

Mauro, Maio e Hugo fan a súa promesa de lobato scout

Pouco despois, as familias chegaron para recoller as peques. Con gran magoa, despedímonos de todas con ganas de que o próximo campa chegue xa para poder divertirnos todas xuntas outra vez. E por certo, algúns detalles desta gran experiencia chegaron ata os medios de comunicación, publicandose novas ao respecto no xornal La Región e no seu suplemento dominical VIDA.

Esta actividade está enmarcada no proxecto “Construíndo un mundo mellor libre de violencias” que conta coa axuda do programa “Iniciativa Xove” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social