Primavera de campamentos!
Como cada ano aproveitamos algúns dos días de vacacións escolares para armar o petate para ir a plantar a tenda e desenvolver unha das nosas actividades preferidas e sen dúbida das máis importantes para a nosa metodoloxía scout: os campamentos! Nesta ocasión cada sección desenvolverá seu propio campamento, coa súa programación e obxectivos propios con moitas novidades e apaixoantes propostas de novas aventuras.
Os máis miudos do grupo, as lobetas e lobtetos de 8 a 10 anos que forman a Manda, xunto cos seus monitores e monitoras desprazarán un continxente de 20 persoas que levarán o bule bule das súas cancións e xogos ata Tourón, no ourensán municipio de Melón. Alí acamparán do 18 ao 20 coñecendo os seus sendeiros e, se o tempo o permite, da fresca auga das súas pozas.
Eliminación de vexetación invasora e coidado dos montes
Entre as moitas actividades destacamos unha eliminación de eucaliptos, actividade de servizo público que caracteriza o metodoloxía scout que se fará en cooperación con Amigos da Terra e a Comunidade de Montes en Man Común do Tourón. Esta acción forma parte dunha numerosa programación de actuacións de participación pública que pretenden contribuír a rexeneración dos montes desta poboación que foron duramente castigados polos famosos incendios forestais do outono de 2017. Deste xeito terán a oportunidade de coñecer os impactos ambientais desta problemática e sentir que están contribuíndo, aínda que modestamente, a súa minimización. Esta actividade está prevista que se desenvolva o xoves 18 de 12:00 a 14:00 h. aproximadamente.
Experimentando participación pública e prevención contra as adiccións.
Pola súa banda serán 25 o número dos rapaces e rapazas que constitúen a sección que vai de 11 a 13 anos e que pasarán 4 día de campamento no Albergue das Sinas, en Vilanova de Arousa acompañados por 7 monitoras e monitores. As actividades, que incluirán xogos e dinámicas diversas, terán como fío temático condutor os proceso de participación pública experimentando de xeito práctico por elas mesmas os procesos colectivos de toma de decisións en relación a propia organización e programación do campamento.
Deberán de ocuparse de planificar e organizar dende a montaxe das tendas a tarefas como a elaboración de todas as comidas á limpeza das instalacións, polo que deberán organizar asembleas nas que analizar problemas, tomar decisións e repartir tarefas. Igualmente, ao longo dos 4 días, haberá tempo tamén de explorar a contorna, facer rutas e abordar contidos educativos de prevención de condutas adictivas en relación ás TICs. Estas actuacións temáticas foron seleccionadas e apoiadas por ASDE – Scouts de España no marco dos seus programas “Infancia participa” e “#ESCSinAdicción 2.0” co respaldo do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
Convivencia con outros grupos scouts de Galicia
Por ultimo, unha decena de mozas e mozos de entre 14 e 16 anos terán que agardar ata o seguinte fin de semana para desprazarse ata a costeira vila de Ares, na provincia da Coruña, onde se xuntarán os días 27 e 28 de abril con outros mozos e mozas da súa idade procedentes dos grupos scouts da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol que forman parte da federación ASDE – Scouts de Galicia. Celebrarán un campamento conxunto de convivencia que reunirá a case 80 participantes para desenvolver diferentes xogos de probas, rutas e veladas nocturnas deseñados por elas e eles mesmos.
En todas estas actividades estarán acompañados e supervisados por cadanseu grupo de monitores e monitoras voluntarias que forman da equipa educativa do noso colectivo. Todas estas actividades estarán impregnadas dos valores scouts, combinando diversión, convivencia e corresponsabilidade pois o método educativo que empregamos busca que os nenos e nenas sexan cada vez máis maduras, autónomas e responsables.