Non somos boys, somos scouts!
O ano pasado vivimos un 8 de marzo moi apaixonante de maneira individual, o que nos levou a compartir as nosas experiencias e desexos e dicir “e o que molaría ir como grupo á mani do ano que vén?”. Pois ben, finalmente este 2019, puidemos levar a cabo todas esas ideas e soños. Queriamos implicarnos tanto en xornadas de reflexión como na propia preparación para a xornada de greve. Foi así, con ganas e ilusión, que programamos distintas sesións co mesmo obxectivo.
Comezamos o luns 4 de marzo. Nesta tarde buscamos analizar de forma asemblearia diversos temas. Realizamos dous grupos de traballos, un de nenos e outro de nenas, xa que as viviencias e as violencias que sufrimos polo noso xénero son ben distintas. As nenas coñeceron o término sororidade e a súa importancia, compartiron momentos de opresión que puideron experimentar tanto elas como algunha coñecida, repensaron a feminidade e concretaron algúns puntos nos que lles gustaría incidir para combater o machismo neses contextos. Con nenos, por outra parte, quixemos incidir na educación emocional, algo que carece nos homes xa que socialmente é un tema que está vinculado ás mulleres. Con isto intentamos identificar como se sentían, exteriorizalo, verbalizalo. Analizamos o tipo de masculinidade hexemónica, o “como debe ser un home de verdade” e preguntámonos porque está tan mal visto as expresións de feminidade no seu xénero.
A medida que ían avanzando estes procesos de reflexión, tamén o ían especificando nunha cartolina a modo de conclusión para, ao final da sesión, facer unha posta en común entre os dous grupos de traballo nunha asemblea común. Desta maneira, os nenos poderían traballar a empatía e ser conscientes do que temos que vivir as mulleres e, por outra banda, ver a importancia de deconstruír a feminidade e masculinidade imperantes e aprendidas pola sociedade.
O mércores 6 de marzo fixemos unha posta máis práctica. Comezamos cunha dinámica de emocións para logo buscar polo local distintos papeis nos que aparecían tópicos e contextos que servirían de exemplo para o que tratariamos na asemblea. Buscamos nela identificar os públicos aos que nos iamos, e ímos, dirixir e os canles polos cales chegariamos a estas persoas. E engadimos os tópicos, temas, nos que nos centraremos para facer posibles campañas de sensibilización. As máis peques tamén aproveitaron para facer cartais informativos para a manifestación.
E chegou o esperado día, mais sendo conscientes en todo momento de que o 8M son todos os días do ano. Quedamos antes da manifestación para preparar material: pintamos camisetas, debuxamos carteis, pensamos lemas e cántigos… E aló fomos, coas nosas pañolas e materiais, a xuntarnos coas familias que nos acompañarían no recorrido. Berramos, saltamos e visibilizamos que non somos “boyscouts”, que somos “scouts” e que sen feminismo non hai scoutismo apoiádonos nos carteis que fixeron as nosas irmás de ASDE – Scouts de Castilla y León que tamén levamos a manifestación. Que estamos aquí para transformar o mundo e non podemos deixar a ningunha compañeira detrás. Que se tocan a unha, tócannos a todas. Chegamos á Praza Maior, que estaba a revosar de xente e posteriormente volvimos algunhas de nós ao local.
Todas estas accións forman parte do noso proxecto “Revoluciona a túa perspectiva” que é unha das 18 iniciativas que forman parte da campaña “CON PERSPECTIVA DE XÉNERO” da nosa federación ASDE – Scouts de España, coa que se pretende promover un maior enfoque de xénero nas actividades scout.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!