Primeiros pasos en Tatín

Relembro o primeiro día sen esforzo. A mochila pesaba e as ganas de comezar, máis aínda. O primeiro campa de moitos con elas. E, para elas, un primeiro campa como foi o de verán de 2019. Pouco a pouco, conseguimos atopar aquelas pedras que nos distanciaban do que sería o noso fogar durante uns días. O caudal do río Tea era baixo e aquelas pedras, vertixinosas. O meu ollar abraiado comprobaba como cada scout camiñaba sen titubeos por aqueles pedruscos, paso a paso. Tras atravesar o río sen percances, coñecimos Tatín.

Alí estaba ese terreo a piques de ser descuberto por nós, como foi descuberto por outro grupo scout hai máis de 20 anos. As nenas desenvolvíanse como peixe na auga por aquel lugar mentres os scouters lles indicaban onde poderían montar as súas tendas. Sen pensalo moito, comezaron mans á obra, mentres escoitaba:

– Miren! Non temos suficientes piquetas.

– Pois xa sabes, a buscar paus!

 

A miña cara non podía mostrarse máis atónita. “Pero é que normal”, pensei. “Son scouts e eu acabo de chegar, quédame moito camiño”.

As demais scouters, a miña familia desde entón, ensinábanme alegres todo o que iría aprendendo, vocabulario que debía coñecer, como funcionaría o día de hoxe… Eu non estaba moi segura de se escoitar atentamente ou coller apuntes, até que, de súperto, comezamos a carretar troncos enormes para montar mesas. Si, efectivamente, mesas. E mochileiros, duchas, e latrinas… Pero xa, se iso, durante os tres primeiros días de montaxe, porque aquelo non fixo máis que empezar.

mochilero scout

Pasaron os días desta montaxe e eu fun aprendendo algúns nomes de educandos, de como facer algúns amarres básicos, de como empregar a machada para sacarlle punta aos troncos… Ensinada todo o tempo polas nenas! A miña voz tamén se empezou a escoitar no acto comunitario da mañá, sendo unha filástica máis do cabo da nosa irmandade. Comprendín mellor ás nenas, como eran, en que crían e como se comportaban. Os símbolos, as razóns e o sentimento.

Todo comezou a ter forma. As mesas eran grandes e bonitas, aínda que algunhas non duraron moito… Os servizos eran duros pero revitalizadores. Todas estábamos para todas, “sempre listas”. Perforei na Unidade até chegar a cada persoa que a compuña, co manancial inesgotable de axuda que eran as miñas compañeiras, ás que lle debo cada punto e seguido desta crónica.

Durante un día enteiro nos convertemos en hobbits, ananos, trolls e elfas para escoitar todo o que Gandalf debía dicirnos para acabar co malvado Sauron e conseguir o anel que agardaba na última proba. Aínda que por equipas, todas xuntas nos unímonos para conseguir os nosos obxectivos e pasalo ben, aínda que fose baixo a choiva que nos acompañou durante o día.

Mañás de traballo, tardes de xogo e noites de veladas. Era como unha especie de espazo pensado por e para nenas que buscaban a maneira de sobrevivir a elas mesmas, mediante o saber estar, a comprensión, a tolerancia, a educación e o traballo en equipo. Compredín, ao mesmo tempo que as observaba, que me estaba observando a min mesma e, efectivamente: fun unha desas nenas. Porque eu, as scouters, as familias de apoio (grazas!), toda a equipa aprendimos un pouco máis nese campamento, e descubrimos que algo poder ser custoso, si, pero non imposible se contamos coa axuda de todo o mundo, por mínima que poida ser. Xa sexa pasar a compra a través dos Pasos ou camiñar a por auga de sol a sol.

As nenas deron todo e máis por axudar a crear ese campa pioneiro: lobatas, scouts e máis a Unidade, co amparo das ás das súas scouters sobrevoando, axudándoas a crecer e a progresar por cada acción que realizaban, incluso cando era fallida. Eu vino todo desde fóra. E sigoo vendo desde dentro. Sigo camiñando sen deixar de recordar que os meus primeiros pasos foron en Tatín.

Seguiremos.

Texto: Nerea Blanco, scouter de U. Esculta
0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.