Participamos a tope na festa dos Maios
Por vez primeira decidímonos a formar parte da festa do maios, celebración popular da chegada da primavera e que conta na nosa cidade cunha fonda tradición. Había xa gañas pero tamén tiñamos algunhas dúbidas xa que o uso masivo de musgo ou liques que a tradición esixe facíanos reticentes xa que non nos parecía moi adecuado, nin educativo, destruír uns elementos tan necesario e sensibles do noso medio ambiente para unha celebración tan efémera.
Un maio con innovación “contra as invasoras”
Pero desa debilidade fixemos virtude xa que despois de darlle moitas voltas o que decidimos foi mudar a base do noso maio enxebre, substituíndo ao musgo local por plantas de especies invasoras, como a acacia mimosa. Como esta manobra non so mancamos a natureza senón que lle facemos un favor retirando da contorna estos elementos que tanto prexudican a flora e fauna autóctona. Por esta razón, aínda que a forma da nosa estrutura correspondíase cun maio enxebre, presentámonos ao certame municipal coa categoría de “maio creativo” para non estar limitados aos materiais tradicionais.
Foi toda unha invención arriscada, xa que non sabiamos como se ía comportar este material pero despois da implicación de scouters, rapaces e sobre todo de experimentados e entregados pais e nais saímos moi airosos. E así se chamaba pois o noso maio “Contra as invasoras”.
Todo grupo estivo moi implicado
O venres comezou a construción da armazón e para iso contamos coa axuda da Asociación A Galleira, que nos deixou un lugar para gardar a estrutura (que non pasaría pola porta do noso local ademais de botarnos tamén unha man con algún material. A seguinte fase chegou xa o sábado de mañá, que consistiu en facerse co material verde e “invasor” e para iso un equipo formado por rapaces das diferentes seccións logrou xuntar una boa morea de ramas de mimosa nas beiras do Miño. Ademais houbo moito acopio tamén de flores, especialmente por parte de lobetos e lobetas que se implicaron moito nesta tarefa recolectora e que chegaron cun moitas e moi variadas, que foron esenciais na decoración.
Levamos todo o xuntado a praza de San Cosme e xa comezamos a vestir o maio con todo o material, cosendo con paciencia. e traballo en equipo mentres en paralelo íanse elaborando girnaldas de carrabouxos que xunto con todo tipo de flores foron os adornos finais do maio que fumos continuamente refrescando para evitar que se murchara.
Xa o domingo instalamos o maio no lugar que nos asinaron na rúa do Paseo, ali colocamos as últimas decoracións e Tropa e Manda aproveitaron para vender coplas e algúns avalorios que fixeron para custearse os seus respectivos proxectos e que desenvolverán nas próximas semanas. A coplas foron elaboradas pola Pat. Rinocerontes e lles quedaron moi xeitosas, por certo, tanto que algunhas pasaxes foron recollidas nos informativos de TeleCinco (min 31’17”) e tamén foron requeridos para cantalas en directo para Radio Liverdade.
Un traballo que tivo seu recoñecemento
En fin, foi todo un pracer que todo o grupo se implicara nas distintas fases do proxecto e que acadaramos unha participación tan boa, que como sempre é unha estupenda recompensa. Pero como a ninguén lle amarga un doce, pois tamén sentímonos moi honradas de ser escollidas polo xurado como mellor Maio Creativo. Iso si, foi un premio accidentando porque nun primeiro momento o premio parecía ir para a Marcha Mundial das Mulleres, pero esta entidade estaba inscrita noutra categoría, así que finalmente o premio chegou as nosas máns. Pero como o scout non espera recompensa material a cambio do seu bo facer, xa nos ofrecemos a Marcha Mundial das Mulleres a compartir a dotación económica do premio.
Esta actividade forma parte do noso proxecto de actividades de educación ambiental encadrado en Voz Natura