Sen feminismo, non hai scoutismo
Despois dunha xornada histórica o pasado 4 de marzo, a nosa terra ten unha tarefa pendente, a folga de mulleres do próximo xoves 8 de marzo. Nós, as scouts, secundarémola e volveremos saír ás rúas, mais desta vez coas nosas pañolas e valores scouts. En cada reunión e campamento educamos por e para a igualdade, intentando rachar con toda idea e actitude aprendida consciente ou inconscientemente na escola, na televisión, nas redes sociais, na casa ou nos grupos de iguais inmersos neste sistema patriarcal.
Neste día de loita no que se valora, visibiliza e dignifica o traballo da muller, queremos recordar a Olave Saint Claire Soames, grazas á cal as nenas tiveron cabida no mundo do scoutismo. Ela creou a primeira sección feminina de guías, que posteriormente evolucionaría ás seccións mixtas coas que traballamos agora e nas que poñemos todo o ímpeto para que esta metade da poboación da que formamos parte teñamos os mesmo dereitos, oportunidades e tratos respectuosos que a outra metade, a dos homes.
É por isto que a eles lles pedidos apoio nos espazos baleiros que deixaremos ese día: coidar, limpar, facer a compra, coller apuntes na escola… Pero sempre ocupando un segundo plano, para que o obxectivo principal, que é deixar claro que se as mulleres paran, o mundo para, sexa real. E, no caso de ir á manifestación, sempre deixando as primeiras liñas para as compañeiras.
Porque sen feminismo non hai scoutismo!
Convocatorias en Ourense
- Concentración, ás 13:00 na Praza Maior
- Manifestación a partir das 20:00 dende a Subdelegación do Goberno
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!