Gañamos un premio na loita contra a violencia de xénero!
No pasado mes de setembro a federación ASDE – Scouts de España, con máis de 33.000 socias/os, puxo en marcha xunto á Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero o concurso “Ponle fin desde el principio”, co obxectivo de que os mozos e mozas de 11 a 14 anos reflexionasen ao redor da detección temperá de situacións de violencia de xénero, como previla e como parala.
Rapaces e rapazas procedentes dalgúns dos máis de 300 grupos scouts da federación en todo o territorio do estado, participaron enviando audios por Whatsapp con diferentes propostas nas que, a través de cancións, dramatizacións e outras mensaxes, tratouse de sensibilizar e lanzar ideas para frear a violencia de xénero.
De entre os case 600 rapaces e rapazas que participaron, Martinho Rodríguez, Paula María Vázquez, Iván Rodríguez, Lourdes Pérez, Paula López e Seiyi Komatsu, integrantes da nosa Tropa na Pat. Esquíos e da Pat. Aguias resultaron galardoados cun terceiro premio. O primeiro e segundo premio foron para grupos de Castela a Mancha e Madrid, respectivamente. Moitas más scouts da nosa Tropa participaron tamén mais non acadaron o recoñecemento dun xurado que o tivo moi dificil, según dixeron, pero a bo seguro participar foi suficiente recompensa e sentirán tamén como seu o éxito dos seus compañeiros galardoados.
Escoita aquí o audio gañador do terceiro premio
Este premio é un orgullo para todo o grupo e o consideramos un indicador do esforzo no traballo educativo que faacemos en materia de igualdade ao longo de todo o ano.
Un certame de premios, que a súa vez foi premiado
Como distinción ao traballo de sensibilización realizado, a través das novas tecnoloxías que utilizan os adolescentes na actualidade, recibiuse un recoñecemento nacional con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller (o sábado 25 de novembro) e posteriormente, o 5 de decembro, con motivo da celebración do Aniversario da Constitución Española, a Delegación do Goberno en Castela – A Mancha distinguiu tamén a esta iniciativa cunha a Mención Honorífica á defensa da Igualdade.
A Coeducación, un dos nosos sinais de identidade
Definímonos como unha escola de cidadanía, na que educamos dende a coeducación na liberdade, a xustiza e a solidariedade, estimulando a responsabilidade persoal no marco da convivencia e o servizo á comunidade. Pretendemos contribuír a espertar o espírito crítico e participativo, respectando a liberdade persoal á vez que promovendo hábitos de vida saudable e o compromiso co coidado e defensa do medio ambiente.
O noso colectivo caracterizase por ser o primeiro grupo scout da cidade de tipo laico, e forma parte dun movemento educativo internacional ao que pertencen máis de 40 millóns de persoas, entre mozos e mozas e adultos, homes e mulleres, que comparten un mesmo sistema de valores e o desexo de construír un mundo mellor.