Descubriendo a selva do Barbantiño
Hai unhas semanas a nosa Manda de lobetos e lobetas asomou os fuciños fora do cubil para aventurouse a explorar a selva. Ben, selva, selva, non era … pero case, porque a zona por onde formos a estirar as súas inquedas e frenéticas patiñas foron as ribeiras do río. Aínda que non era o Wingunga, o Río Barbatiño, en Punxín, ofreceunos un aspecto ben selvático co seu estupendo bosque de ribeira onde abondan extraordinarios e frondosos exemplares de fieito real.
Este ano temos unha manda moi renovada, sendo case 3 de 4 catro lobetas e lobetas recentemente chegados ao grupo e ao scoutismo, polo que todo é novo para este grupiño de encantadores picariños e polo de agora estivémonos centrando en coñecer os aspectos básicos da ambientación e pautas de da sección, como a Lei da Selva ou as Máximas de Baloo. E claro, había que por en práctica o que nos di sempre o bo de Baloo de que a lobeta e o lobeto aman e coidan da Natureza, así que fomos a darnos un baño de bosque facendo una preciosa ruta que está ben preto da nosa cidade.
Foi unha gran ruta, e foi literalmente grande porque fixemos ao final do día case 13 quilómetros de andaina, que se levaron moi ben porque tivemos moitas ocasión para explorar pequenos e fermosos recunchos que nos brindaron ocasión para pasalo en grande coa súa explosiva imaxinación e vitalidade.
Aprendemos a recoñecer algunhas árbores, plantas, cogomelos, paxaros … e houbo quen chegou a ver mesmo unha lontra. Tamén houbo tempo coñecer tamén o noso patrimonio histórico investigando os numerosos muíños, algúns ofrecéndonos unhas misteriosas ruínas ou outros exquisitamente restaurados que nos transportaron ata o tempo no que foron unha peza fundamental na alimentación e economía local. E por suposto coñecemos a súa famosa fervenza.
Por suposto non puideron faltar as paradas para repor forzas cunha pequena merenda a media mañá e outra máis alongada para xantar, nunha fermosa área recreativa con mesas y un montón de recunchos que explorar e nos que xogar.
Como colofón final estes pequenos rebuldeiros e rebuldeiras descubriron a prolífica e peculiar produción das sementes dos xuncos e atoparon un inusitado pracer en esmigallalas moi concienciudamente para xuntar unha barbaridade destas volátiles e esbrancuxadas sementes. Despois duns 20 minutos de afanoso aínda que desigual traballo comunitario, obtiveron unha chea desta nube algodonosa que botaron polo aire facéndolles sentir que estaban nunha idílica postal propia do Nadal.
Foi un día extraordinario, gozando da natureza e a súa refrescante fermosura na mellor compaña. Un lugar estupendo ao que seguro que retornaremos máis cedo que tarde.