Campamento na procura dos misterios dos atlantes
Un ano máis aproveitamos do mellor xeito posible algúns dos días do tempo de vacacións que chegan polo Nadal para facer o que máis nos gusta: irnos de campamento! E desta vez o noso espírito aventureiro levounos ata as terras luguesas Portomarín ao confortable Albergue Xuvenil Benigno Quiroga, da Xunta de Galicia, na procura da civilización dos atlantes seguindo as anotacións dun misterioso diario da Dra. M. Dragos que chegou ao noso poder.
Ao longo dos catro días que durou o campamento cada sección alternou a súas as actividades propias da súa rama coas que involucraban a todo o grupo, como era a investigación da civilización atlante que parecía estar moi preto de nós e que nos deu moitos momentos de misterio e diversión.
Como sempre a Manda foi toda unha explosión de vitalidade en forma de risas, brincadeiras, berros, carreiras e descubrimentos. Entre toda unha enorme variedade de cancións e pequenos xogos tiveron ocasión de coñecer un pouco máis da historia de Mowgli contida no Libro da Selva, pero tamén para explorar os encantos de Portomarín e as misteriosas ruínas que asoman cando a auga do encoro está baixa. Mesmo acharon, despois de escavar todas xuntas, un fabuloso cofre que agocha un enigmático contido protexido por unha morea de pechos e cadeas. Ao longo do ano terán que ir logrando as chaves para poder finalmente abrir o arcón e descubrir o fabuloso tesouro que agocha.
A Tropa foi a sección que, moi fiel e coherente coa súa vocación exploradora, máis se aventurou a descubrir os arredores cunha ruta que mesmo percorreu un treito do Camiño de Santiago, o que lles serviu para coñecer mellor o que é un dos eixos máis importantes para a economía e a cultura do territorio que nos acolle. Tiveron tamén ocasión para traballar a técnica scout no uso de ferramentas, nós e cordas, que puxeron en práctica para a construción duns improvisados bivaques. Outro importante bloque de actividades adicárnos á abordaxe de contidos de índole afectivo-sexual que incluían un cineforum e un concurso orientados á prevención que lles valeu para coñecer a realidade do VIH. Estas actividades estaban ao abeiro do proxecto Riesgo Cero ITS que nosa federación ASDE – Scouts de España desenvolve.
A efervescente adolescencia da Unidade Esculta canalizouse mediante actividades moi variadas que foron dende un obradoiro de repostería, do que obtiveron unhas innovadoras galletas, ata a unha das súas práctica deportivas preferidas, o rústico xogo do jugger onde tiveron ocasión de desfogar moita da enerxía incontible da que parecen dispor. Pero as actividades intensas tamén tiveron o seu contrapunto coa reflexión que require afondar a elección do que será o seu gran proxecto para este ano. Esta campa trouxo a Unidade Esculta máis cohesión e a marabillosa sorpresa de compartir un par de xornadas con Fran, un dos nosos máis brillantes scouts que no seu día tivo que voltar a súa Arxentina natal aínda que nos foi devolto nestas vacacións, por un tempo breve pero intenso, que serviu para renovar os lazos de amizade que mantemos.
Ademais da busca de contacto cos místicos atlantes tivemos outras actividades de grupo como a estupenda e moi traballada velada que preparou a Pat. Curuxas para todo o grupo, e que nos fixo pensar sobre o impacto ambiental do noso estilo de vida e como reducilo. Outra foi o “lume de campamento” da última noite onde gozamos das representacións teatrais de todas as seccións entre as que o xénero da parodia e sempre un convidado destacado e que nesta ocasión fixo brillar especialmente as enxeñosas intervencións da Pat. Esquíos e a U. Esculta. Como xa é tradición despedimos tamén o ano scout coas 12 badaladas e unha vigorizante chocolatada acompañada polas galletas feitas pola U. Esculta que xenerosamente compartiu con todo o grupo.
Os momentos máis emotivos do campamento viñeron novamente da man da formulación das promesas. Nesta ocasión os lobetos Luango e Paula S. puxeron de manifesto seu compromiso e recibiron a súa pañola, mentres que na Tropa foron Lalo, Unai, Aroa e Derek as persoas que deron un paso cara adiante para ingresar na gran irmandade mundial scout. A todas elas se lle sumou tamén Rebe, unha das nosas máis recentes incorporacións no Kraal.
Xa estamos desexando que chegue o seguinte campamento e para el irémonos preparando ao longo das actividades de cada fin de semana dos próximos meses. Ata daquela so nos resta dar as grazas a Lisardo (pai de Olalla e Gabriel) e Natalia (nai de Paula M.) que conformaron o excelente equipo de servizo que dende as cociñas nos forneceu unha exquisita e saudable comida. Así que para a próxima confiamos en que outros familiares se animen a compartir uns días de campamento para ser parte da engranaxe que fai posible estas experiencias, descubrindo de primeira man toda a maxia que se agocha na vida de campamento scout!