Patrulla Curuxas

Gran experiencia formativa para as guías de patrulla

As e os guías das patrullas Águias, Rinocerontes, Linces e Esquíos, que conforman a nosa sección de Tropa (con rapazas e rapaces de 11 a 14 anos) acudiron o pasado fin de semana, do 24 ao 26 de novembro, ata o Albergue Xuvenil Vicente Aguilló, na zona de Moruiscade do pontevedrés municipio de Lalín, para participar cos seus homónimos dos grupos GS 19, GS San Jorge 33, GS Chan 292, GS 597 Semente, GSG Vasco da Ponte 636 e GS Bosquetéa 900 no última edición do Curso de Guías e Subguías de ASDE – Scouts de Galicia.

Neste curso, no que os propios rapaces e rapazas preparan boa parte das actividades formativas para os seus compañeiros, permite dotar as persoas particiapantes dun conxunto de ferramentas técnicas e de liderado que lles servan de axuda no seu labor ao frente dos seus pequenos grupos. Seguindo un dos nosos principios educativos de “educación pola acción” durante o curso créanse estos pequenos grupos sobre as que traballarán toda a fin de semana para comprender mellor o funcionamento do sistema de patrullas, clave na metodoloxía scout desta sección educativa. Aquí nos relatan a súa intensa vivencia coas súas propias verbas:

Acabamos de chegar de Lalín de participar no Campamento de Guías e Subguías. Pasámolo moi ben, coñecemos xente nova e aprendemos moito. O primeiro día chegamos sobre as nove da noite e despois de deixar as nosas cousas no albergue fixemos un xogo de presentación que preparou o GS Semente 597, logo ceamos e… a primeira velada da finde! Unha black story na que o pasamos en grande e mantivéronnos coa intriga do final ata o día seguinte!

Polo tempo non montamos as tendas e durmimos abrigadiños e con calefacción no albergue (oh, vaia! que pena!). Chega o segundo día no que despois de almorzar e fregar preparamos os nomes, os berros, os bordóns e os lemas das nosas novas patrullas, creadas para este curso: hipogrifos, dragóns, ornitorrincos, bolboretas, patos e xabaríns. Xa por patrullas fixemos nos mesmas o xantar, que foi un delicioso potaxe de garabanzos, para despois dedicar un tempo a elixir os cargos que teríamos na patrulla durante a fin de semana.

Despois diso,por patrullas, levamos a cabo unha actividade de orientación onde aprendemos de todas as persoas cousas diferentes. Para falar sobre o rol de guía elaboramos estruturas e serviunos para saber que actitude ter dependendo da ocasión. Por último e antes da cea tocou facer unha das actividades que tiñamos que levar preparadas. Era unha dinámica de resolución de conflitos que saiu moi ben, e cremos que serviu para saber que facer e como falar de forma asertiva e ser máis comunicativas.

Ceamos e axiña preparamos o material para a nosa velada onde nos vestimos e maquillamos como elementos da natureza xa que o que queriamos transmitir é que temos que coidar mais o medio que nos rodea. No último día tivemos o acto comunitario e cunha actividade de primeiros auxilios na que aprendemos técnicas en emerxencias. Logo fixemos un taller de corda que incluiu unha carreira de nós.

Despois de xantar, avaliamos o campa e limpamos todo o albergue. Pasámolo moi ben e aprendemos moitas cousas, agora a transmitirlle o aprendido as patrulleiras e patrulleiros! Ata a próxima!