Gañadores do 12º certame de curtametraxes scout!
A curtametraxe amatur rodada este verán polas mozas e mozos do Grupo Scout ILEX foi galardoada cun primeiro premio no 12ª edición do certame da federación ASDE – Scouts de España fallada en Madrid o pasado sábado.
ASDE – Scouts de España convocou este ano o Concurso de Cortometrajes Scout que ven realizando dende fai doce anos. Este concurso, aberto ás máis de 300 agrupacións de scout que forman parte dunha federación na que participan máis de 35.000 persoas asociadas, busca que os mozos e mozas poidan traballar os contidos educativos dun xeito orixinal e atractivo.
O noso grupo concursou por vez primeira neste certa mediante un proxecto desenvolvido integramente pola Unidade Esculta. Estes mozos e mozas aproveitaron o campamento de verán que desenvolvemos o pasado agosto na Illa de Ons, en pleno Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, para realizar este proxecto como unha máis das diversas actividades que prepararon e formaron parte da programación de dito campamento.
Deste xeito houberon de adicar tempo a estudar as bases, preparar o guión, escoller as localizacións, realización de ensaios, etc. A rodaxe da corta desenvolveuse integramente na Illa de Ons, mentres que a montaxe tivo lugar xa durante o mes de setembro en Ourense nas semanas posteriores á finalización do campamento.
Todos os labores de guionización e preparación, xunto coa rodaxe e posterior montaxe foron integramente realizados polos rapaces e rapazas, tomando por elas mesmas as decisións creativas e técnicas ata a consecución do arte final que obtiveron.
Fallo do xurado
O pasado 24 de novembro reuniuse en Madrid o xurado, formado por educadores/as e profesionais do eido audiovisual, para deliberar e emitiu o seu fallo, resultando o vídeo do noso grupo galardoado co primeiro premio na súa categoría. Temos que ser honestos e recoñecer que foi algo totalmente inesperado para todas nós, tanto que ningún representante do grupo foi ao acto e o premio foille entregado por Elena Cabezas, recén nomeada presidenta de ASDE – Scouts de España, a Alberto Clemente na súa calidade de representante de ASDE – Scouts de Galicia. Tamén resultaron premiadas as curtas do Grupo Scout Timbiras 341, da Comunidade Valenciana, e do , de Aragón, noutras dúas categorías.
A factura do vídeo, totalmente amateur, xunto co trasfondo dos valores scouts que se recolleron na metraxe final foron, a bo seguro, clave para o fallo do xurado por riba doutras consideración e aspectos técnicos a nivel audiovisual.