Aventuras por terras coruñesas

Fai un tempiño a Sección Scout tivo unha excursión moi especial a outra das grandes cidades galegas, especificamente ata A Coruña durante un total de tres dias cheos de novas oportunidades para vivir aventuras e adquirir novos coñecementos.

En primeiro lugar a aventura iniciou collendo o tren, unha experiencia que para moitas resultou unha novidade, na que ao longo da hora que durou a viaxe aproveitaron para cear e xogar as cartas. Cando chegaron xa era noite e se dirixiron rapidamente ata o local do Grupo Scout San Jorge 33, que xentilmente nos cederon para pernoctar as nosas irmás e irmáns scout coruñeses.

O segundo día comezou cunha pequena ruta ata a Casa das Ciencias, un dos museos científicos coruñeses onde tocar as cousas expostas non so se pode, senón que é necesario! E así, experimentando puideron aprender moitísimas cousas experimentando e vendo o que sucedía. Neste lugar tamén tiveron ocasión de visitar tamén o planetario onde, mentres observaban as estrelas da cúpula, lles narraban unha historia sobre unha nena que lle gustaba a astronomía e ela ía viaxando por os planetas aportando datos novos sobre eles. Toda esta experiencia vivírona xunto cos seus compañeiros, tamén da Sección Scout, do Grupo Scout Semente 597 da Coruña.

O día non remataba e aínda lles quedaba outro momento moi especial, xa que coñeceron a outros scouts da Coruña, as do Grupo Scout San Jorge 33, os que lles cederon o espazo para durmir, e con quen realizaron unha actividade na que demostraban os seus coñecementos de scoutismo. Houbo tempo tamén para divertirse en diferentes parques públicos da Coruña facendo cohesións cos grupos mencionados anteriormente, para irse coñecendo un pouco máis e descubrir canto teñen en común e tamén cales son as características que os diferencian.

Xa no último día non deixaron escapar a oportunidade para visitar ao Aquarium Finisterrae, e de camiño aproveitaron o bo tempo para percorrer o paseo marítimo e gozar das vistas do mar, algo que os que somos de interior apreciamos moito. Durante a visita ao acuario puideron aprender sobre novas especies mariñas e observar como realizaban os coidados das focas que alí viven.

E xa por último despedíronse da cidade e colleron o tren de volta quedando coa lembranza dunha experiencia inesquecible para toda a nosa Sección Scout!

1 reply

Comments are closed.