Aventuras estivais por Terra de Montes

Como peche da xeira solar pasada, celebramos o noso tradicional campamento de verán nos últimos días do pasado mes de agosto e o fixemos empregando as instalacións publicas do Campamento Xuvenil de Pontemaril, que xestiona a Xunta de Galicia no Concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós-Terra de Monte.

Compartimos instalacións con outros dous campamentos, procedentes de RIbeira e do Concello da Baña, cos que fixemos moi boas migas, especialmente con estes últimos, onde a rapazada de ambos campamentos compartiron actividades e moita amizade.

Como é o noso costume, tivemos unha programación de actividades moi variada que se desenvolveu principalmente por seccións, aínda que tampouco faltaron oportunidades para estar xuntos en actividades comúns e durante o tempo libre.

Non faltaron as rutas, nas que por exemplo cada unha das patrullas foron separadamente, interpretando o mapa, salvando ríos, interaccionando coa poboación rural, tanto persoas como gando, analizando o terreo e tomando decisións en conxunto aínda que co liderado da guía, e sempre acompañados por un scouter para garantir a súa seguridade.

A Sección Scout, avanzou no seu traballo en técnica scout (manexo de navalla, nós e amarres con corda, construcións rústicas, etc.) con éxito desigual, pero sempre progresando para aprender máis e facelo cada vez mellor. Pero a súa mellor ferramenta e habilidade é sempre o uso da súa imaxinación, como o día que fixeron un desfile de moda cuns deseños integramente feitos con papel de xornal. E que bos resultados! Pero se algo precisan é tamén gastar enerxía con xogos de movemento e cun compoñente deportivo, para desfogar.

A Unidade Esculta, sempre seguindo a súa divisa de “sempre unida” desenvolveu un menú de actividades moi variado, onde nunca se exclúe a oportunidade de enlixarse co barro e con xogos repletos de probas ocorrentes e as veces algo estrambóticas.

O Clan, formado polas educandas de maior idade, desenvolve por si mesmo unha moi boa parte súa propia programación de actividades, presentando e compartindo seus propios centros de interese, pero tamén se tiveron que enfrontar ao agardado “xogo límite”, preparado polas súas scouters, co que exploraron as fronteiras da súa propia personalidade e características persoais.

E por suposto houbo novas promesas. Neste campamento Iraci deu un paso adiante para ser parte da gran irmandade mundial scout e formulou a súa promesa scout. Algo que celebramos todas con moita alegría.