Celebramos a chegada a primavera participando na Festa dos Maios
A Festa dos Maios é unha tradición moi arraigada en Ourense e moi popular, onde a chegada da primavera é celebrada con coloridas estruturas de madeira recubertas de elementos vexetais que proceden dos nosos montes. Estas creacións, adornadas con musgo, ramas e transforman o espazo urbano nun museo efémero cheo de vida e simbolismo. Unha cita cultural que nos reconecta coa natureza da que, como en anos anteriores, quixemos participar e ser parte desta celebración que mestura natureza, arte e comunidade.

Foi a Unidade Esculta a que se puxo mans á obra dende hai semanas para participar no evento e ir superando, como se fose unha xincana, as necesidades e eivas que se ían sucedendo. O primeiro foi a elaboración das coplas, que foi un traballo que xa adiantaron xa dentro das actividades no campamento de primavera o mes pasado. Iso si que é previsión! Pero logo houbo que pasalas a limpo, maquetar e fotocopiar para poder ofrecerllas ao público no día da festa.
Unha das primeiros atrancos que houbo que solucionar foi a vía administrativo. Entender as bases e superar o estrito proceso de inscrición, que implicou enfrontarse a sede electrónica da administración local e a da Xunta, pois tamén houbo que tramitar o depósito legal das coplas e entregar varios exemplares en físico.
Houbo que facerse coa materia prima da súa enxebre construción, tendo que quedar os días previos para ir a recoller no monte o musgo, xestas, uces e flores. Logo levar todo o material ao local e mantelo húmido.

Pero tamén houbo que preparar o armazón e “vestilo” con tea de sacos que tiveron que apañar nos tostadeiros de café. Colocar as teas do saco requiría unha boa grampadora, algo non previsto de todo e foi difícil de conseguir o día que quedaron para facer ese traballo, un domingo pola mañá onde as opcións están algo máis limitadas, pero foron quen de salvar a situación grazas a divina providencia, ou máis ben a intensa laboriosidade das persoas que rexentan os bazares da nosa cidade.
Non todo é traballo físico, tamén había que por sentido do gusto para elaborar e instalar os elementos decorativos, unha faena que os levou a traballar ata a unha da noite do sábado para telo todo listo para o día seguinte. E ao día seguinte tocou madrugar levar todo o material ata a praza maior, sendo unha operación que tivo a súa complexidade e deu para un par de anécdotas.
Aínda que foi a Unidade Esculta a que fixo a maior parte do traballo, tamén contou coa colaboración puntual de algúns rovers do Clan que facendo boa a súa vocación de servizo aí estiveron Papala e Pablo para botar unha man durante a elaboración do maio e máis no propio día da festa, colaborando no transporte ou acompañando ás rapazas da Unidade Esculta na praza maior e presentando a súa ofrenda primaveral. Aí estiveron tamén algúns lobetos da Manda como Hector e Cesar, prestos sempre a botar unha man no momento que había que cantar as coplas



Estamos moi orgullosas do traballo feito pola Unidade Esculta na súa participación nunha festa cunha base tan identitaria, tradicional e popular, pola súa implicación e tenacidade para levala a cabo e cun resultado tan marabilloso. E ese recoñecemento parece que tamén foi compartido polo xurado pois no seu fallo tivo a ben distinguir este esforzo co primeiro premio das coplas e terceiro dos maios, ambas na súa categoría infantil, sendo recollida a nova pola prensa. Podes atopar os recortes na nosa sección da web onde recollemos as novas da prensa nas que nos citan.
Foi un final de euforia cheo de apertas e bagoas de satisfacción por un traballo ben feito e non exento de sacrificios. A contía do premio, como non pode ser doutro xeito, irá destinado a custear á “empresa”, o proxecto que a Unidade Esculta está a preparar nesta xeira solar e que culminará , se todo vaia ben, cunha viaxe para coñecer Asturias e seus Picos de Europa.

Foi tamén unha oportunidade de facer o scoutismo máis visible, achegando a nosa experiencia a moitas familias que puideron coñecer o noso labor educativo de primeira man.












