Campamento de verán para reconectar coa natureza

Un ano máis cargamos a nosas mochilas para establecer o noso campamento de verán, o décimo da nosa historia, e que nesta ocasión volveu a montarse na Póboa de San Xiao, no lugués Concello de Láncara que xa nos acolleu estupendamente anos atrás.

Este ano foi un campamento de fortuna, no que non había apenas infraestrutura e houbo que montar a cociña, as mesas do comedor, establecer as tendas de cada sección na súa respectiva parcela, todo feito polas rapazas e rapaces participantes aínda que coa axuda e o acompañamento dos seus scouters. De igual xeito houbo que facerse cargo de elaborar as comidas, facer a compra cada día. Isto lonxe de ser unha incomodidade serve para fortalecer o traballo en equipo, o compromiso e auto-estima demostrando autonomía e crecemento persoal.

Pero como sabedes, a nosa actividade céntrase na vida en sección e a maior parte das actividades se desenvolven dentro de cada una delas. Vexamos como foron:

ACTIVIDADES POR SECCIÓNS

MANDA

Os lobetos, o máis noviños de todos, non chegaron ata o día 6 e tiveron moitos xogos ambientados no Libro da Selva, como rescatar a Mowgli nunha velada de axexou, o enfrontarse aos cans Jaro (escultas) nunha batallas de auga e barro para ceibar a Baloo, e da que por suposto saíron vitoriosos. Outros días esta ambientación serviu de fío condutor para lembrar as “Máximas de Baloo” e a “Lei da selva” e por suposto, houbo tamén o Consello de Rocha, potente forma de participar nun marco de ambientación moi emocionante e especial.

Ao longo dos días tamén exploraron algúns deportes alternativos, algún taller ambiental, manualidades, xogos de mesa e, claro está, tamén tiveron una ruta, bastante suave pero que sempre resulta unha aventura coa que explorar a contorna.

SECCIÓN SCOUT

A rapazada desta sección (entre o 11 e os 14) gozaron dun marabilloso campa marcado pola competición sa entre as dúas patrullas, Aguias e Linces. Para iso, dende o inicio crearon as súas parcelas e fixeron construcións como mesas, bancos, mochileros e bordoneros. Tamén comezaron a crear as súas actividades e veladas, con axexos nocturnos, xogos de cooperación e talleres de manualidades scout.

Debido a estraños sucesos tras a primeira velada, cada día espertaban nun mundo diferente. No mundo pirata a patrulla Linces atopou un tesouro grazas as súas habilidades de orientación. Xunto aos antigos gregos, a patrulla Aguias demostrou ser a mais hábil nas olimpíadas de xogos tradicionais. Ou como aventureiros hobbits, as scouts trataron de destruír o malvado anel facendo unha ruta ata o río Miño, onde aproveitaron para darse un chapuzón e facer un rico xantar en ruta a base de arroz con salchichas.

Tamén houbo a xa célebre poxa de güereles, onde podían conseguir cousas útiles (e outras non tanto) para as súas patrullas. E, por suposto, tiveron tempo para as cerimonias. Celebraron con moita alegría as novas promesas scouts e despedíronse con mágoa das guías nos pases de sección.

ESCULTA

A Unidade Esculta, con adolescentes de 14 a 17 anos, decidiu facer deste, un campa principalmente adicado ás construcións scout, moi rústicas a base de troncos de madeira, e mesmo despois dos 3 días de montaxe de campamento decidiron facer unha atalaia na súa parcela, que consistía nunha gran plataforma elevada de troncos á que se accedía por unha escaleira de man que fabricaron tamén, sobre a que chegaron a durmir as últimas noites.

Ademais quixeron facer varias actividades do programa internacional Scouts Go Solar, coa que familiarizarse coa enerxía solar, as súas vantaxes ambientais e coas que achegarse a esta tecnoloxía. Este programa de actividades incluíu usar unha cociña solar parabólica na que cociñaron unha estupenda lasaña que lles saíu de rechupete

Tamén tivemos un día de ruta, que se complicou un chisco coa calor que facía ese día, mais o esforzo mereceu a pena polo fermoso espazo que descubriron no lugar de destino, unha recollida zona á beira do Miño na que a auga estaba mornae onde prestou moito bañarse.

CLAN

Esta sección formada por “rovers”, que son os educandos de máis idade, comezaron forte o seu campamento coa montaxe da campa man a man coas demais seccións, construíndo mesas, instalando a intendencia ou montando a cociña. Asemade aproveitaron para decorar a súa propia zona con elementos da simboloxía do Clan.

A ruta é un elemento fundamental na metodoloxía desta sección, e deseñaron unha que percorría a beira do rio Neira ata chegar ao MUVICLA (Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e da Locomoción Agraria). Coa visita á este museo, que lles resultou moi interesante, puideron coñecer a historia de distintos elementos de maquinaria así coma o seu impacto na cultura galega.

Por outro lado, os rovers participaron en actividades propias do roverismo como a “experiencia do deserto” a través da cal puideron reflexionar sobre eles mesmos e o seu propósito no Clan. Así mesmo dous rovers deron un importante paso realizando a súa investidura e comprometéndose mais profundamente co Clan.

MÁIS ALÓ DA VIDA EN SECCIÓN

Pero aínda que a actividade vai por en gran medida por seccións, para que estén máis adaptadas as idades e o seus intereses, tamén tivemos outras en gran grupo, como por exemplo o día ambientado, a metade do campamento,. Nel formaronse equipos con integrantes de todas as seccións no que pola mañá tiveron que esforzarse buscando recursos cos que logo poder elaborar o xantar e xa pola noite pechouse o gran xogo cunha velada tipo cluedo, onde coñeceron personaxes misteriosas e buscaron postas para descubrir o misterio que se agochaba.

Outros grandes momentos no campamento son os das cerimonias, especialmente as promesas que representan un forte compromiso coa vida scout. Neste campamento tivemos a sorte de estar presentes nas de Teo, scouter, a de Sara Valentiana da Sección Scout e de Mateo, integrante da Esculta que decidiu renovar a súa.

Todas as seccións fixeron do río e a súa marabillosa praia fluvial un punto central da vida do noso campamento estival, aproveitando especialmente as primeiras horas da tarde para bañarse e combater unha calor que foi protagonista de todos os días da nosa estancia en Póboa de San Xiao.

A derradeira velada, a modo de peche do campamento e rematar esta experiencia do mellor xeito posible o Clan asumiu a organización do “lume de campamento”; una sorte de espectáculo de talentos que é parte da nosa tradición. Este contou coa participación de membros de todas as seccións, que se divertino moito, e que se clausurou cos rovers interpretando varias cancións a voz guitarra e kazú.

Aproveitamos para agradecer ao Concello de Láncara as facilidades para poder acampar e organizar aí o noso campamento, así como aos veciños e e veciñas do lugar que nos acolleron tan ben, sempre amables e atentas con nós.