Descubrindo as paisaxes de Padrenda
Un ano máis, e aproveitando as vacacións escolares nesta época do ano, collemos o noso equipamento de acampada e partimos cara a un novo campamento. Entre os días 13 e 16 de abril, desta vez disfrutamos das fermosas paisaxes do concello de Padrenda, en Crespos, a poucos quilómetros da fronteira con Portugal e da provincia de Pontevedra.

Foron catro días intensos, repletos de todo tipo de actividades. Orixinalmente, o campamento estaba dividido en dúas sedes, separadas por uns poucos quilómetros.
- A sede Sur situábase na finca da casa de Carmen, unha amiga dos scouts que nos cedeu temporal e altruistamente a súa parcela e servizos auxiliares para que a Manda e a Sección Scout puidesen montar a súa zona de acampada.
- Na sede Norte, nunha área recreativa xunto ao polideportivo municipal, establecéronse a Unidade Esculta e o Clan.

Padrenda foi o escenario das nosas moitas e variadas actividades, con talleres de nós, xincanas, elaboración de piquetas, contrucións rústicas en madeira, diversos xogos e manualidades, entre outras moitas.



Por suposto as rutas non poden faltar nos campamentos scout, e todas as sección fixeron a súa, dacordo as súas capacidades e intereses.


A ruta da Esculta destacou como posiblemente a máis longa e intrépida, desenvolvéndose desde a mañá ata media tarde e superando os 20 quilómetros. O grupo organizouse para cociñar durante o percorrido e así poder comer quente, o que supuxo transportar a pota, o fornillo e os alimentos. Con todo, o último terzo do traxecto viuse marcado por unha intensa chuvia, o que converteu a posterior ducha de auga quente nun momento especialmente reparador. A verba máis usada do día foi “cachopo” … non preguntedes o por que!



O certo e que a chuvia irrompeu con inusitada forza, descargando con intensidade e acompañada con potentes refachos de vento que castigaron as nosas tendas de campaña. Ante o agravamento da previsión meteorolóxica para os días seguintes, a prudencia impúxose: tomamos a decisión de unificar as dúas sedes do campamento na zona Norte e acollernos ao abeiro do pavillón municipal. Foi neste espazo onde levamos a cabo as últimas pernoctas e onde desenvolvemos boa parte das actividades cando os elementos se mostraban máis inclementes. Queremos deixar constancia do noso máis sincero agradecemento ao Concello de Padrenda polas inestimables facilidades ofrecidas e pola cesión do uso das súas magníficas instalacións. Hai que engadir que nen a chuvia e os problemas que trouxo conseguiu minar a moral das participantes, porque como día nosa lei scout, somos persoas animosas ante perigos e dificultades e estamos sempre … listos!

O terceiro día vivimos unha aventura extraordinaria durante o noso Día Temático, no que todas as seccións nos unimos para realizar “Unha volta ao mundo express“. Organizados en equipos mixtos con membros de todas as unidades, atravesamos continentes e épocas nun só día, nunha experiencia lúdica que nos levou a viaxar polo espazo e o tempo.


A nosa viaxe comezou no Observatorio de Greenwich, onde Baden-Powell nos encomendou a misión de conseguir recursos para evitar unha guerra. De alí voamos a América, onde os pobos orixinarios nos ensinaron os seus xogos tradicionais, mergullándonos nas súas culturas ancestrais. O noso periplo continuou en Xapón, onde tivemos que crear representacións teatrais para inspirar novas obras de manga.

A aventura levounos despois ao antigo Exipto, onde axudamos á raíña Cleopatra a resolver un misterio, e finalmente tivemos que cruzar o Estreito de Xibraltar, esquivando os ataques de temibles piratas.

Foi un día intenso e emocionante, repleto de xogos e actividades variadas, todas elas unidas por unha liña argumental guiada por un peculiar Willy Fog. Esta experiencia inmersiva non só nos mantivo ocupados dende o almorzo ata a noite, senón que tamén nos permitiu coñecer mellor aos compañeiros das outras seccións, fortalecendo os lazos do grupo.
Na última xornada, aproveitamos para rematar actividades pendentes e, como non podía ser doutro xeito, dedicamos tempo a deixar todo impecable. Fieles ao noso lema “Deixar todo mellor do que o atopamos”, organizámonos en equipos dende os máis pequenos ata os maiores para encargarnos das tarefas de limpeza e recollida.

Nos nosos campamentos, as nenas e nenos non son simples consumidores de actividades, senón parte activa de cada proceso: involúcranse na limpeza, cociña, montaxe e en todo o necesario para que a convivencia funcione. Así se fai no scoultismo!





¡O momento máis emocionante! Lucía e Rubén, da Sección Scout, pronunciaron con firmeza a súa promesa, mentres os lobetos Héctor e Jacobo fixeron o mesmo ante a Manda. E, como colofón, recibiron o manteo scout entre hurras emocionados. ¡Qué fermoso ver esas pañoñas novas abrazando os pescozos dos nosos compañeiros, sumándose á gran familia scout!
Outro momento especial foi o protagonizado por Noam, que soprou con nos as candelas do seu oitavo aniverario, compartindo unha deliciosa torta. Ummm, …. pero que rica!

Agradecemos tamén a participación de Kaa e Adrián, que reforzaron o equipo de scouters para este campamento, e a Suso, que estivo facéndose cargo das cociñas e tamén coas súas mañas como animador, que está claro que por moi atrás que queden os seus anos como monitor, non perdeu o xeito!













