Campamento para reiniciar a actividade
Do día 5 o 6 de outubro puxemos rumbo ao Concello de Ribas de Sil (Lugo) para reiniciar un novo ciclo anual cun campamento, que sen dúbida é o mellor xeito que retomar a actividade scout. Neste caso, quixemos achegarnos por primeira vez ao emblemático Courel e fixemos base nas magníficas instalacións do Xeocamping Montañas do Courel, onde nos acolleron estupendamente, situado no lugués concello de Ribas de Sil. A viaxe ata alí foi en tren, unha experiencia que foi a primeira neste tipo de transporte para algunhas das cativas e cativos máis novos.



Durante a fin de semana estivemos facendo actividades por cada una das nosas seccións, nas que houbo pequenas rutas, unha exploración da vila e as ribeiras do Río Sil que paso ao seu carón, e por suposto moitísimos xogos e dinámicas para afacerse a metodoloxía scout e coñecer aos novos compañeiros e compañeiras da sección, para as persoas que este ano por idade cambian de subgrupo, e tamén para as persoas novas que se achegaron por vez primeira ás actividades do nosos colectivo, que non foron poucas!






Durante o campamento tamén tivemos a colaboración do colectivo ecoloxista Amigas da Terra, co que desenvolvemos dúas actividades moi interesantes, por un lado un taller de compostaxe no que aprendemos a montar a por en marcha uns composteiros, onde transformar os residuos de materia orgánica nun estupendo fertilizante, un xeito moi natural e sostible para tratar este tipo de lixo, e por outra banda unha plantación forestal na que plantamos 10 árbores autóctonas: castiñeiros, érbedos, bidueiros e por suposto acivros. Esta última árbore é a que lle da nome ao noso grupo, ILEX, pois é o nome científico desta árbores (Ilex aquifolium).





Como en todos os campamentos, e como parte da aprendizaxe para á vida que brindamos no noso colectivo, a rapazada tivo que ocuparse de montar as súas tendas de campaña e participar na preparación das comidas.








Como sempre, uns dos momentos máis especiais foi o das promesas, nas que Sofía, Alicia, Emma e Vicky, deron un paso adiante e facer efectivo o seu compromiso e facer súa a Lei Scout.




Tivemos unha meteoroloxía espectacular, cun sol radiante, que nos axudou a gozar dunha fin de semana estupenda ao aire libre e que rematamos cun xantar coas familias que nos serviu para coñecernos tamén mellor e facer un pouco de cohesión grupal. Finalizamos, como é tradición, co noso “Adeus scout”.

Esta actividade foi subvencionada ao abeiro do programa Iniciativa Xove, da Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para o ano 2025.




