Campa de verán: guinda final a un ano único

Noites de verán con miles de estrelas, acampadas afastadas da civilización, divertidas cancións a voz en grito, retos máis que superados, apertas e moitas, moitas emocións. O campamento de verán constituíu unha experiencia marabillosa na que todas e todos aprendemos mentres nos divertíamos, crecendo a partir das responsabilidades e da autonomía que a vida nun campamento supón.

O venres 24 de xuño comezou o que serían seis días de acampada con diversión sen parangón. Saímos cedo en autobús dende Ourense rumbo ao Centro Scout Abeiro, nas inmediacións da cidade de Santiago, unha viaxe amenizada polas cancións que comezamos a aprender. E nada máis chegar debíamos coñecernos, así que… a xogar!

.

Finalizadas as presentacións, Manda e Tropa separáronse para montar as súas tendas e comezar o traballo por seccións.

todos

A Manda do Pobo Libre

A Manda comezou a súa andaina construíndo os seus “palacios de verán”, isto é, divididos xa en seisenas montaron as tendas onde cada grupiño de cinco ou seis rapazas/es ía vivir o resto da semana. E a partir de alí, a seguir mergullándose no Libro da Selva.

Manda

Como o campamento é un espazo de convivencia, os lobetos e lobetas decidiron, entre todas/os, as pautas que habíamos seguir para que a vida na Manda fose harmoniosa e respectuosa. Acordadas as pautas, fixéronse uns carteis que foron colgados para que todas e todos as tivésemos presentes. E esa noite, despois da suculenta cea, tivemos o primeiro –e máxico – Consello de Rocha: o espazo asembleario da Manda no que falamos e nos escoitamos en pé de igualdade.

No segundo día fixemos actividades de vida na selva, un rastrexo, unha dinámica por rastros e… construímos as nosas propias hamacas! Pola noite, unha gran velada máxica levounos a coñecer diferentes personaxes mitolóxicos de Galicia, aínda que, para ben ou para mal, andaban un pouco tolos! O noso papel foi axudalos, acabando a noite cun gran conxuro que levaría a maxia roubada de volta aos bosques.

Hamacas

Tras dous días de vida no campamento, xa estabamos acostumados ao seu ritmo e tiñamos moitas, moitas ganas de vivilo a tope! Por iso tiñamos moita enerxía para comezar a ruta de aventura, que ademais era a nosa caza. A Manda fixo unha ruta curtiña, amenizada con xogos e cancións. E a noite non podía ser mellor… durmimos todas e todos xuntos nun gran Tipee indio! Pola mañá proseguimos a ruta para chegar, á hora de comer, ao campa. Logo de tanto esforzo pasamos unha tarde tranquila e divertida, con xogos de sentidos e relaxación. Menos mal que estivemos áxiles e, cando caeu a noite, o roubo de MiniBaloo quedou en nada!

Ruta manda

Pasada a ruta, xa quedaban só dous días e había moito que facer! Fixemos unha actividade de servizo no campa, que consistiu en pintar diferentes zonas do albergue, acabando todas/os cheas de cores! E as e os Vellos Lobos arriscámonos a participar nunha xincana de auga preparada polos lobatos e lobatas, unha actividade xenial, malia que acabamos todas e todos empapados coma pitos! Unha velada conxunta e un novo e aínda máis especial Consello da Rocha puxo o broche final ao día. A solemnidade do momento non podía ser maior. Falamos moito, demostrando unha grande madurez e capacidade reflexiva, e rematamos cunha canción moi máxica e especial.

A Tropa: Aguias e Rinocerontes

A Tropa, coma sempre, separouse nas dúas xa coñecidas patrullas e cada unha elixiu a zona onde desexaba montar a súa tenda. Unha vez instalados, xantamos e nos preparamos para comezar as actividades.

O primeiro que hai que facer nun campamento é acomodalo ao noso gusto. Aparte das tendas, fan falla outras instalacións que nos fagan a vida un pouco máis fácil e cómoda, e que un bo scout pode facer sen problema. Pero para elo, primeiro fixo falta dar un repaso de cabullería e aprender a manexar ferramentas coma a navalla e a alcotana. Con isto aprendido, construímos, coas nosas propias mans, unha mesa onde poder comer, reunirse e xogar, e un tendal para colgar a roupa mollada. Madeira, corda e moito esforzo fixeron posible esta marabilla.

Mesa

Outra cousa importante nun campamento e dividir tarefas para que non quede nada sen facer. Con vistas á próxima ruta de dous días, as patrullas falaron dos cargos de cada scout e fixéronse responsables de pedir todo o material que sería preciso, de quen ía cociñar, quen ía guiar… E quedou todo ben atado. Durante esas noites fixemos xogos de axexo, traballo en equipo e estratexia.

E por fin, chegou o día da ruta! As patrullas recolleron o material que seleccionaron o día anterior, dividíronse a carga e recibiron as instrucións: cada patrulla ía recorrer uns 12 quilómetros, pasando por diferentes puntos cada unha, ata unha nova zona de acampada para pasar a noite. Polo camiño deberían orientarse, cociñar, coñecerse, traballar en equipo e, por suposto, gozar da experiencia. Unha práctica de autonomía que lles faría sentirse moito mellor consigo mesmos.

Ao día seguinte, ao regreso da ruta e esgotados polo esforzo, tocou unha velada de relaxación para reducir a tensión física e mental dos últimos días, e ir para o saco a descansar profundamente.

Ruta tropa

Xa era o penúltimo día, que comezamos cunha actividade onde nos metemos nun xogo de rol onde éramos construtores, asociacións ecoloxistas, políticos e aldeáns que discutían sobre as vantaxes e desvantaxes de construír unha presa no seu terreo. E a continuación, para paliar a calor, fixemos unha xincana acuática onde nos refrescamos e o pasamos estupendamente. E pola tarde, despois da Manda, tamén fixemos a mesma actividade de servizo para rematar o traballo.

Xincana acuática

E chegou o final…

O derradeiro día organizámonos para recoller todo o máis rápido posible. Que ben o fixemos! E isto remataba. Polo camiño quedaron todos os bos momentos, algúns deles narrados aquí, e, como non, as actividades preparadas polas/os rapazas/es que estaban xa no rastro de Bagueera; as promesas de Iván e de Leda, que trouxeron moita ledicia e tamén algunhas bágoas; e, por suposto, a cerimonia de paso de sección. A Manda despediuse de todos os rapaces e rapazas aos que lles tocaba dar o paso a Tropa… Foi un momento agridoce, no que se mesturaba a tristura de velos partir e a alegría do percorrido feito, das experiencias compartidas e do crecemento que para elas/es supuña. “Termina aquí o teu rastro, decídello á selva; que teñas boa caza; adeus, irmán, adeus”.

Cerimonias

Por último, queríamos agradecer pola axuda recibida por scouters doutros grupos: Adrián, do GS San Jorge 33, e Clara, do GS Chan 292. Foi un pracer!

1 reply
  1. Xulio
    Xulio says:

    Que envídia! Mago non ter podido estar máis tempo do que estiven, pero vexo que todo foi estupendamente e non pode ser outra cousa que o preludio de moitos máis momentos inolvidables que están por vir! 🙂

Comments are closed.