Un campamento para pechar o ano de aprendizaxes e aventuras

O grupo rematou este ano 2024 co noso inesquecible campamento de inverno! Tivo lugar en Iñás, Oleiros (A Coruña), entre os días 26 e 29 de decembro, e foi unha experiencia chea de aprendizaxes, esforzo e moitas alegrías, buscando sempre o contacto coa natureza.

A Manda de lobatos aprendeu as máximas de Baloo, descubrindo que, con esforzo e compromiso, poderán afianzar a súa conexión co movemento scout. A través de xogos, actividades e reflexións compartidas, os lobatos demostraron que están listos para novos retos no camiño scout.

As patrullas da Sección Scout tiveron a oportunidade de deseñar e levar a cabo as súas propias actividades. Ademais, participaron con gran entusiasmo na subasta de güereles, loitando polos mellores premios. Este campamento foi testemuña da creación de novas tradicións, que agardamos que perduren no tempo e sigan unindo a nosa comunidade scout.

A Unidade Esculta gozou dunha tarde de cociña, onde deixaron voar a súa creatividade, compartindo deliciosos pratos. Tamén houbo noites de películas, que serviron para relaxarse e reforzar os lazos entre eles.

O Clan pola súa parte, realizou varios servizos co grupo, demostrando o seu compromiso coas demais seccións. Ademais, reflexionaron sobre o ano que quedou atrás e fixeron metas para este 2025, cheos de ilusión e enerxía para seguir mellorando.

Para rematar, a última noite de campamento celebramos un adiantada festa de fin de ano. Nesta particular noitevella despedimos o 2024 e dar a benvida a un novo que ven de comezar Foi unha ocasión chea de música, baile, risas e moitos bos desexos para este 2025, que se presenta cheo de aventuras, retos e aprendizaxes.

Un dos momentos máis especiais son sempre o das promesas! Nesta ocasión tivemos ocasión de presenciar os compromisos de Max e Alessandra. Que marabilla!

Unha vez máis, demostramos que xuntas somos máis fortes e que, grazas ao esforzo de cada membro do grupo, podemos seguir creando momentos que permanecerán na nosa memoria para sempre. Grazas a todas por facelo posible! Sempre Listos!