O noso nome
Ilex é o nome en latín (idioma no que a Ciencia nomea ás plantas) de dúas árbores: aciñeira (Quecus ilex, á dereita da imaxe) e acivro (Ilex aquifolium, á esquerda), ambas típicas das nosas paisaxes ourensás.
O acivro foi a primeira planta protexida de Galicia. É unha árbore de montaña que produce uns pequenos froitos encarnados moi característicos no inverno, sendo moi importante para os sustento e acubillo de aves nesta época, sendo determinante para a supervivencia de moitas delas, o que fai lembrar un dos ideais scouts no que se dí que o “forte protexe ao debil” que está representado no noso saúdo scout.
Pola súa parte, a aciñeira, emparentada co típico e máis que recoñecido carballo, é tamén unha árbore galega pero máis propia e adaptada á zona de Ourense, onde temos un clima máis mediterráneo. Ademais, a aciñeira ten unha chea de propiedades que encaixan no escultismo: 1) Ten unha madeira difícil de podrecer, que nos fai lembrar a honestidade que debe ser propia dun bo scout. 2) É dura, polo que se empregaba na fabricación dos eixos dos carros, piares ou vigas, como fortes son os valores nos que se sustentan os nosos ideais. 3) Mesmo pode chegar a ser tan dura a súa madeira que se fai difícil de traballar, coma nos acontece as veces cos educandos máis teimudos. 4) Dela obtense unha excelente e calorífica leña, o que nos trae a memoria un bo lume de campamento, moi típico e característico da nosa tradición. 5) A súa cortiza ten moitos taninos, polo que úsase para curtir peles, outra actividade moi propia dos exploradores no que se basea a ambientación das nosas actividades.
A nosa pañola
Outra peza da nosa simboloxía é a pañola que representa a promesa que os e as scouts formulamos e coa que en resumidas contas nos comprometemos a ser boas persoas e axudar aos demáis, asumindo libremente os valores e principios que nos definen como scouts.
Cada grupo ten unha pañola con cores diferentes que os identifica como tal e diferencia dos demais grupos. A nosa pañola ten como base a cor azul escura sobre as que se dispoñen dúas franxas, de cor amarela e verde respectivamente. A cor azul representa a escuridade da noitiña, cunha franxa amarela que mostra o último raio de sol que se agocha no horizonte. Este instante, final do día e comezo da noite, que chega a ser un momento máxico. A liña de cor verde simboliza unha liña de aciñeiras (Q. Ilex, que dan nome ao noso grupo na corda da montaña, por riba da que asoma ese último raio de sol.
As bandas verde e amarela tamén son respectivamente unha homenaxe aos grupos scout dos que proceden algúns fundadores do noso, sendo un xeito de ter presentes as nosas orixes. Así, o verde correspóndese coa cor principal da pañola do Grupo Scout Hércules 283, de A Coruña, do que formaron parte Xulio, Dani e Miren, mentres que o amarelo é o propio do Grupo Scout Axóuxere, de Ourense, no que no seu día estiveron Luis, Carla, Pol e Juan Cruz.
O noso número
Actualmente o noso número de matrícula federal é o 695 que sempre aparece xunto co noso nome, polo que empregamos sempre a fórmula Grupo Scout ILEX 695. No momento da nosa constitución e solicitude de entrada na federación se nos asignou un número provisorio, o 959, durante o noso primeiro ano de andaina como grupo en formación. É por esta razón que atoparás algúns documentos e materiais publicitarios con este número.
Axudas públicas
Un dos nosos sinais de identidade e que tratamos de autofinanciar ao máximo posible as nosas actividades e que memos as rapazas e rapaces busquei o xeito de obter os recursos necesarios mediante o seu esforzo. Pese ao díto tamén, e especialmente nestes primeiros anos de andaina, buscamos o apoio das administración públicas para facer posible o desenvolvento de distintos proxectos. A xeito de transparecia citamos aquí as axudas recibidas.
Ano 2017
AA.PP. | Convocatoria | Cantidade |
Xunta de Galicia | Voluntariado Xuvenil | 4.800,00 |
Xunta de Galicia | Iniciativa Xove | 5.000,00 |
Concello Ourense | Concellería de Xuventude | 763,52 |
Ano 2018
AA.PP. | Convocatoria | Cantidade |
Xunta de Galicia | Voluntariado Xuvenil | 4.800,00 |
Xunta de Galicia | Promoción Voluntariado | 1.151,48 |
Xunta de Galicia | Iniciativa Xove | 5.000,00 |