Non faltamos á festividade dos Maios

Sempre que podemos tentamos de manternos conectadas ás raíces culturais da nosa contorna e nesa liña gústanos moito tomar parte nunha das festas máis enxebres e singurales que hai na nosa cidade: Os Maios.

Algún ano participamos como grupo, máis nas tres pasadas edicións foi a Unidade Esculta a que asumiu a tarefa de elaborar as coplas e o maio co que levar a participación do noso grupo no certame que organiza o Concello, e mesmo na pasada edición obtivo, na categoría infantil, o primeiro premio de coplas e o terceiro de maios. Mais este ano foi a Sección Scout a que tomou a testemuña de participar no nome do grupo e en poucas semanas, e un pouco ás presas, fixeron os trámites e prepararon tanto as coplas como o maio.

Despois dunha asemblea na que decidiron presentarse e comezaron distribuíndo tarefas e responsabilidades, houbo que avanzar axiña repartindo traballo, de xeito que mentres unha parte avanzaba na construción da estrutura, outra avanzaba na creación nos borradores das letras do que serían as coplas.

Tanta presa fixo que algúns erros na organización loxística tiveran tempo de corrixirse e tiveron que optar por cambiar a categoría, de enxebre (feito como materiais naturais) a facelo na categoría creativa (máis aberta, en canto a materiais e deseño) que lle permitiu, con moito traballo e implicación, rematar todo a noite da véspera á celebración. Así fixeron noite no local e tiveron ocasión de ver en directo unha parte do 51º Festival Scout que se celebraba este ano en Ceuta.


Houbo que montar a estrutura do maio, que foi unha oportunidade de por en práctica algúns nos e amarres. Logo cubrilo con cartolina e preparar os ornamentos, feitos de pompóns e trenzas de fíos de las coas cores do grupo (un moi bo detalle!), que completaron cos debuxos das dúas patrullas activas, Aguias e Linces, cos seus respectivos lemas de xeito destacado.

Despois de deitarse tarde para rematar, houbo que erguerse cedo para almorzar, dar os últimos retoques e desprazar a estrutura ata a Praza Maior para colocalo no lugar que correspondía. Aínda que o tempo atmosférico non acompañou moito, estivemos moi animadas, interactuando coas visitantes na praza maior, e dando visibilidade ao grupo. Tamén, por suposto, a nosa rapazada tivo ocasión de vender exemplares das súas coplas e mesmo algunhas pulseiras que foron confeccionando en días previos para recadar fondos para a súa “aventura”, nome co que se coñece o proxecto no andan a traballar dende fai meses.

Este ano non gañamos ningún premio do certame, mais iso nunca foi o importante pois axudar a manter viva unha parte tan importante da vida cultural da nosa cidade xa é premio abondo. Tivo un mérito considerable que pese as dificultades que foron aparecendo mantiveron sempre un espírito alegre e seguiron sempre adiante, como facemos en scouts, e finalmente conseguiron sacar o traballo adiante. Aquí vos deixamos unha copia das coplas, que compuxeron integramente elas mesmas, aínda que sempre o máis recomendable é escoitar como as cantaban, e para iso vos deixamos o seguinte vídeo:

Foto: La Región

Pola tarde, o amable persoal de Ambulancias As Burgas que estaba destacado para cubrir de xeito preventivo a festa, intercambiou un exemplar das coplas por unha visita guiada á ambulancia, na que os rapaces puideron coñecer algúns dos equipos dos que dispón e comprobar o importante labor que desenvolven estes profesionais que salvan tantas vidas.