De Galicia a Ceuta: unha aventura ao outro lado do estreito
Este ano, os nosos scouters Akela, Baloo, Pau e Teo, decidiron ir botar unha man nada menos que a Ceuta! Asistiron como “staff” ao 51º Festival da Canción Scout, organiza por ASDE – Scouts de España, que este ano se celebraba na cidade autónoma, ao outro lado do estreito. Esta foi a primeira vez na historia do noso grupo na que algúns dos seus membros participaba nesta actividade federal. Despois de pasar máis de 12 horas nun autobús, colleron o ferry a esta cidade máxica. Ao chegar, atopáronse cun montón de grupos de diferentes partes de España, foi moi guai ver tanta xente scout de tantos sitios distintos coa mesma misión: axudar a que a realización do certame fose vento en popa.






Despois de montar as tendas, xa empezou o traballo. Andaron de aquí para alí recollendo e preparando almorzos. Acostumados como estaban a preparar almorzos para menos de 60 persoas, montar 1.500 bolsiñas case acaba con elas! Despois dun longo día, aproveitaron para durmir e prepararse para o día seguinte.

O resto de días que durou o certame non pararon! Estiveron preparando máis almorzos, ceas e pícnics. Ademais, estiveron presentes na inaguración polas rúas da cidade e de apoio durante as actividades preparadas para os grupos concursantes, que ben o pasaron! Entre xogos de cidade e rutas coñeceron un pouquiño máis a cidade anfitrioa, que bonito é Ceuta!

Tamén houbo ocasión de acompañar a representación galega no festival, que ía da man do Grupo San Jorge 33, da Coruña, e que nos representou a todas as que integramos a ASDE – Scouts de Galicia cunha canción en galego e cun acompañamento musical tradicional moi propio do noso país e que levaba por título “A terra Chama Forte“.

O día do certame, puideron deixar un ratiño da preparación de pícnics para asistir a varias das actuacións musicais. Que cancións máis chulas! Estaban todas super ben escritas e a posta en escena foi brutal. O gozaron moitísimo. Mesmo Teo tivo ocasión de subirse ao escenario, no papel de Hércules, acompañando ao equipo que dinamizaba e presentaba o evento no momento do peche do certame.




Aquí tes dispoñible a grabación íntegra de todo o certame que no seu momento se emitiu en directo
Estiveron ultimando os detalles finais ata tarde e logo, tras repartir os almorzos e pícnics, emprenderon a súa ruta de volta a casa, co festival de Valladolid en mente para o ano que ven.



