Moita ilusión e diversión no campamento co que inauguramos a xeira solar
A pasada fin de semana, o 5 e 6 de Outubro, tivo lugar preto da nosa cidade o campamento de Inauguración da rolda 2024/2025 do Grupo Scout Ilex 695, con aproximadamente 40 rapaces e adultos responsables para iniciar a nova tempada de actividades e celebrar que este ano reabriu a Manda, a sección dos máis peques.

O albergue do Centro Equal, en Coles, abriu as súas portas para dar lugar a un encantador campamento, onde realizamos diversas actividades divertidas con obxectivos de cooperación, asertividade, iniciativa e integración social. Ademais, levamos a cabo xogos de aprendizaxe de moitos ámbitos, incluíndo un Trivial no que se avaliaron os seus coñecementos sobre ciencia, scoutismo, natureza, cultura, música, deporte e primeiros auxilios. Púxose á proba tanto ás familias como á rapazada nunha dinámica cooperativa moi entretida.

Cada unha das seccións que forman o grupo tivo actividades acorde á súa idade. Na Manda, a sección da rapazada máis pequena, fixeron xogos de actividade física e descargar enerxía, pero tamén aprenderon sobre que é e como funciona a Manda, ambientada no Libro das Terras Virxes, a historia orixinal do Libro da Selva. O segundo día tamén tiveron unha actividade conxunta co Clan, a sección máis maior, de teatro, expresión e distensión.

A Sección Scout, con rapaces de 11 a 14 anos, realizou actividades dinámicas de cohesión e aprendizaxe scout, tratando temas metodolóxicos sobre a historia e funcionamento do scoutismo e partes máis prácticas, coma código morse, nós, uso seguro de navalla ou primeiros auxilios. A Esculta, a seguinte sección en idade, preparou seu proxecto e ambientación e fixo varios xogos dinámicos de aprendizaxe e scoutismo.
Xogos, concursos, disfraces e moita aprendizaxe.
Este campamento foi só unha pequena mostra do que ven nesta nova rolda scout. Lembramos que o grupo está composto por rapazada dende os 8 ós 20 anos que se nos xuntamos os sábados no noso local ubicado en Ourense na rúa Emilia Pardo Bazán, a altura do número 52, xunto ó local de pintura de Malgos, a facer distintas actividades e prepararse para os campamentos. Todos e todas podedes formar parte desta emocionante aventura! E se non o estás, … aínda estás a tempo de inscribirte.