Coidando dos animais abandoados

As rapazas e rapaces da Sección Scout, que teñen entre 11 e 14 anos, tiveron toda a tarde da reunión do pasado sábado 6 de xuño unha actividade de servizo, compartindo o seu tempo coa protectora de animais PROGAPE, que está ao cargo da canceira municipal de Ourense, na que coidan dos cans e gatos abandoados no municipio.

Coa intención de axudar as persoas encargadas do coidado dos animais do refuxio, durante toda a tarde estiveron facéndose cargo de diversas tarefas, a primeira, e coa que máis gozaron, foi a de pasear polo exterior do recinto algúns dos cadelos, os máis mansos e manexables. Algúns deles eran moi velliños e precisaban de máis paciencia, mais en calquera caso todos tiveron ocasión de recibir todo un festival de agarimos e caricias



Logo de traer os cans de volta do paseo á instalación, foi momento de coñecer o espazo onde residen os gatiños, que por suposto tamén recibiron todos os mimos do mundo, pero ademais de darlle cariño tamén tiveron que dedicar un tempo a limpar as gateiras e deixar limpo este espazo para así favorecer un maior confort e hixiene para estes pequenos animais.

Foi unha xornada na que aprenderon moito sobre o coidado destes animais, á que tamén contribuíron doando aproximadamente 30 kg de penso xunto cunha ducia de mantas e produtos de limpeza que recadaron entre as familias e que axudaron a gardar no almacén.

Foi un gran día no que puxemos en práctica o noso lema mundial de construír un mundo mellor, no que aprenderon a traballar en equipo, sensibilizáronse co importante tema do maltrato e abandono de mascotas e tamén, por suposto, gozaron da compaña destes animais que, ao seu xeito, agradeceron as súas atencións.