Paisaxes espectaculares para momentos extraordinarios

O pasado 4 e 5 de xuño, xuntámonos co Club Alpino Ourensán para desenvolver unha actividade conxunta de sendeirismo a través das fermosas e singulares paisaxes da Ribeira Sacra que adornan o Concello de Parada do Sil, onde establecimos o noso campamento base para estes dous días de aventura.

Una vez chegamos, xuntámonos todos para, dende o miradoiro principal, abraiarnos coas fabulosas vistas do Canón dos Sil para seguidamente, emprender camiño en rutas diferentes para cada unha das sección, Manda e Tropa, adecuadas as diferentes capacidades propias de cada grupo de idade.

Paisaxes espectaculares

Por un lado a Tropa colleu dirección cara o mosteiro de Santa Cristina e polo camiño foron descubrindo algunhas peculiaridades botánicas e a súa utilidade como brinquedos. Así comprobaron como estalan a flores da dedaleira, ou estraloque, ou como facer asubíos a partir dos talos tubulares dalgunhas herbas. Xa cara ao mediodía, e ben cedo porque lles vencía a fame, xantaron mentres gozaban co son do correr da auga dun regato e fronte a magnífica paisaxe que acompaña ao río Sil. Despois continuaron a ruta cara o mosteiro, non sen esforzo e un bo número de paradas, para unha vez alí visitar todos seus recunchos e mesmo subir ao máis alto da torre. Mentres merendaban, Víctor, un dos guías do Club Alpino Ourensán, ensinoulles como orientar un mapa, interpretalo e recoñecer nel puntos de referencia e a ruta que estaban a facer. Por último, como xa se facía tarde, apuraron a ruta para volver á zona onde pasaríamos a noite , para montar as tendas e cear.

Tropa

Pola súa parte a Manda fixo unha ruta máis curta. Aínda que máis breve foi unha ruta moi bonita, atravesando moito monte en plena floración. Ao mediodía pararon para xantar; fíxose ao fresco da sombra dunha parella de robustas árbores, aproveitando tamén a pausa para facer moitos xogos e algunha das cancións e danzas preferidas das nosas lobetas e lobetos. Despois seguiron camiñando ata que descubriron un refuxio de pastores e non deixaron pasar a oportunidade de exploralo ben a fondo, por fora e por dentro. Aínda que o último tramo custoulles un pouquiño máis, finalmente chegaron á zona de acampada e puxéronse a descansar para logo seguir, como non, xogando e montando tamén as súas tendas.

MandaNoite

Tras a cea, a Manda reuniuse baixo un fermoso manto celeste no espectacular e máxico marco dos miradoiros, onde apenas se adiviñaba a contorna do Canón do Sil, acariñado pola suave luz das estrelas, para facer un Consello de Rocha e tomar algunhas decisións que son propias da Manda Pobo Libre. Mentres, a Tropa reuniuse en asemblea para analizar os acontecementos do día e coñecer quen quería formular a súa promesa scout ao día seguinte, antes de velar coa súa madriña.

O domingo moitos dos lobetos e lobetas espertaron cedo, de feito … moi cedo, con ansias de tomar o seu almorzo quentiño. Menos ansia tiveron para recoller o campamento. A primeira actividade do día levounos de novo ata os Balcóns de Madrid, pois neste fabuloso e espectacular escenario leváronse a cabo as ansiadas promesas scout. Alí algún dos nosos scouters e os primeiros rapaces e rapazas farían a súa promesa, demostrando así, aceptar libremente o compromiso de construír un mundo mellor.

Momentos extraordinarios

A primeira promesa do día foi a de Akela, que estaba moi entusiasmado xa que Pañolasera algo que desexaba facer fai moito tempo. Na Manda, dúas nenas tomaron a decisión de realizar as súas respectivas promesas: Uxúe e Paula, ambas moi nerviosas e ilusionadas e cunha emoción que contaxiaron a todo o grupo. De igual xeito 3 rapaces da Tropa deron o paso adiante para facer a súa promesa: Francisco e André por parte da Pat. Rinocerontes e Diego da Pat. Águias. Durante o acto, por ser un dos primeiros que se fai, o coordinador do grupo ía explicando o por qué da simboloxía que empregabamos (saúdo scout, flor de lis , etc.). Por último e para celebrar tan especial acontecemento, todas as persoas que fixeron a súa promesa, entrando a formar parte da gran irmandade mundial scout, foron manteados ao ritmo dos berro de “hip, hip, hurra“.

Promesa

Despois do acto, regresamos á zona de acampada para que a Manda e a Tropa colleran o necesario para a lixeiriña ruta duns seis quilómetros cos que completaríamos esta pequena aventura de sendeirismo. A Manda saíu primeiro, e un pouco máis tarde iniciou o camiño a Tropa. Os segundos tiñan encomendado un gran reto, preparar o seu propio xantar por patrullas cun camping gas, e improvisando con imaxinación unha receita a partir duns ingredientes enlatados que se lles facilitaron. Foi todo un éxito o arroz con albóndegas que fixeron! O obxectivo desta actividade era que pouco a pouco vaian adquirindo certas responsabilidades no seu día a día, asumindo as consecuencias exitosas e erradas das decisión que toman e as tarefas que realizan.  Ao finalizar a ruta recolleunos o autobús para levarnos de regreso ata a zona de acampada, para deixar todo recollido e mellor do que o atopamos, e despedir esta gran aventura co típico “adeus scout”.

Cocina

Aproveitamos a ocasión para agradecer ao Concello de Parada do Sil a súa colaboración,  tamén moi especialmente a Víctor e Alfonso, do Club Alpino Ourensán, seu estupendo traballo e a magnífica colaboración que nos brindaron para desenvolver esta actividade en común … que non será a derradeira!

Paisaje

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.