Iniciándonos nas aventuras

Manda

Como toda primeira vez, cando fas algo, éntranche os nervios, o receo, o entusiasmo, e en xeral, sentes un conxunto de emocións. Estás durante toda a semana anterior, e mais aínda nos últimos días, pensando niso… che preguntas como vai ser, se é unha boa idea, e finalmente despois de darlle moitas voltas, chega o día. Así é como se atopaban as 26 nenas e os nenos que viñeron a descubrir o significado da palabra exploradores/as iniciándonos nas aventuras scout durante esta fin de semana.

Nós, as e os scouters, tamén compartíamos esta emoción, xa  que era o noso primeiro campamento e desexábamos que todo saíra xenial e que a satisfacción destes peques fora a nosa satisfacción. Nada máis chegar, xuntámonos no exterior do Albergue de Vilar de Ordelles que xenerosamente nos cedeu o Concello de Esgos, e para romper o xeo e que fóramos coñecéndonos un pouquiño, comezamos a facer xogos de presentación. Ao pouco tempo o ambiente xa estaba moi animado e era moi participativo e xa pronto deu comezo a aventura coa primeira tarefa, tocaba facer como futuros bos exploradores e exploradoras coa montaxe de tendas de campaña. Para isto dividímonos en grupiños e cada un destes, coa axuda de scouters, encargábase de montar a tenda na que eles mesmos durmirían, así que debían facelo ben! E pese a falta de experiencia que fixo que gastaramos un pouco de tempo, hai que dicir que a montaxe foi todo un éxito e quedaron perfectas durante todo o campa.

Campamento

Unha vez rematada a montaxe houbo lugar para desenvolver un gran xogo no que tanto Manda como Tropa xogaron xuntos, e no cal se formaron catro grupos que tiveron que superar diferentes probas de habilidades para obter unhas pistas sobre as calidades que debe ter un bo explorador/a e así poder atopar un cofre misterioso cun tesouro descoñecido no seu interior. Finalmente, despois de moitas risas e, incluso, de mollarse un pouco nalgunha proba, conseguiron atopalo e nel o misterioso premio que se agochaba dentro.

Xogo

Pola tarde, as actividades que se levaron a cabo foron por seccións. Aínda que nun primeiro momento as previsións eran de choiva, afortunadamente non foi así, e puideron realizarse as actividades programadas no exterior sen problema ningún. A Manda levou a cabo un rastrexo polos arredores do albergue mentres que a Tropa fixo unha ruta ata o monumental Mosteiro San Pedro de Rocas, no cal puideron gozar dunha paisaxe moi bonita e coñecer un pouco máis a zona. Unha vez rematadas as actividades anteriores a rapazada tivo tempo libre mentres a Tropa preparaba para todos e todas, coa axuda dos seus scouters, unhas riquísimas hamburguesas á brasa para cear. Cabe engadir que, despois de cada comida, os propios nenos e nenas eran os encargados das tarefas de fregado e limpeza, algo que é capital no noso programa educativo, para que aprendan a corresponsabilizarse e vaian collendo unha progresiva autonomía.

Sección

Despois de cear e ter recollido todo, tivo lugar a velada na cal se fixeron uns cantos xogos, como “polis e cacos”, “escondite inglés” e algúns e algunhas quixeron demostar a súa valentía pedindo historias de medo e coas que algún levou un pequeno susto cando o scouter Dani apareceu de súpeto e disfrazado. Todo o mundo pasou moi ben, adultos e rapazada, pero chegou o momento de durmir para poder descansar e estar listos para un novo tempo de emocións para o día seguinte. Sabemos que para a maioría era a súa primeira vez durmindo en tendas de campaña e estaban moi emocionadas e emocionados pola idea, co que o silencio tardou en coller acomodo na fresca noite de Esgos.

Durmir

Na mañá do domingo, o tempo acompañounos nas actividades e non houbo chuvia. Comezamos o día dunha forma moi enérxica con danzas e cancións para activarnos ben e a continuación as actividades que se fixeron foron por seccións. Pola súa parte a Manda fixo unhas olimpíadas moi divertidas e cun enfoque pouco usual, mentres que a Tropa participou nun xogo dos sentidos no cal se lles estimularon o sentido da vista, traballando a memoria e a atención, e tamén outros sentidos como o tacto e o olfacto. Todo isto dun xeito ameno e divertido para ir espertando habilidades e sentidos moi necesarias para estar sempre listos, como bos exploradores e exploradoras.

Domingo

Despois da actividade por seccións comemos e, coma un equipo, tivemos a importante tarefa de deixar o albergue mellor do que o atopamos, unha premisa scout. Tras deixar todo recollido a rapazada tivo tempo libre para xogar ao que quixeran e non faltaron propostas e diferentes grupos estiveron entretidos ata a chegada do autobús. Por último e para finalizar o campamento tivo lugar o acto comunitario no cal nos despedimos cunha canción moi emotiva.

Despedida

Nós estamos moi alegres co campamento e creemos que aos nenos e ás nenas quedoulle un bo sabor de boca e ganas de repetir. Así que podemos dicir, misión conseguida! Agora toca seguir traballando e pasándoo ben ao longo dos actividades dos próximos meses nas que progresivamente nos iremos preparando para os vindeiros campamentos.

Todos

Dende estas páxinas queremos agraceder a axuda do programa Iniciativa Xove, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, que co seu apoio económico fixo o posible un conxunto de actividades que culminaron neste campamento tan extraordinario.

Pronto habilitaremos unha ampla galería de fotos para que poidades ter aínda un mellor idea do acontecido nesta intensa fin de semana.

1 reply
  1. xulio
    xulio says:

    Foi moi divertido e un auténtico pracer compartir este primeiro campamento con todas e todos vos! O grupo nmellorable e sinto que imos ser todos moi boas amigos e amigas

    Responder

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.