Camporee 2016: unha experiencia viquinga

Esta é unha breve historia dos acontecementos que sucederon os días 25, 26 e 27, nas terras de Porto do Son, A Coruña. Historia protagonizada por viquingos e viquingas procedentes da sección Tropa dos Grupos Scouts 19 e Vasco da Ponte 636 de Ferrol, San Jorge 33 da Coruña, Chan 292 de Santiago de Compostela e Ilex 959 de Ourense.

A aventura comezou con pequenos rexementos que saíron dende todos os recunchos de Galicia. Estes rexementos xuntáronse na cidade de Santiago de Compostela, formando un gran grupo disposto a descubrir novos territorios. Dende alí viaxaron no seu drakkar rodante ata desembarcar en Porto do Son. Trala dura viaxe, os invasores comeron e dividíronse en seis poboados viquingos para establecer o campamento, creando a súa propia bandeira e grito de poboado.

A partir dese momento, os poboados comezaron a realizar as súas actividades. En primeiro lugar decoraron uns ovos cocidos ao seu gusto, algo que daría un toque persoal ao novo territorio conquistado. Pouco despois, cada poboado agochou os seus ovos e comezou a busca dos ovos das demáis patrullas. O típico, pobos viquingos que tratan de roubarse os tesouros entre eles.

Huevos

Na primeira noite, os poboados gozaron dunha sesión de astronomía, buscando as constelacións que se poden atopar no ceo, coñecendo os nomes que reciben, os seres que representan e a súa mitoloxía.

Na mañá seguinte, Nerta, a deusa viquinga da natureza, anunciou aos poboados a súa preocupación por todo o lixo que estaba a aparecer nas terras que rodeaban o seu campamento. Por iso encomendoulles a misión de facer unha gran batida, polo que fixeron unha ruta pola praia e nos seus arredores para limpar todo o que fora posible. As inclemencias do tempo non deron tregua e nos obrigaron á retirarnos moi cedo, aínda así os poboados fixeron unha boa labor de limpeza.

Ruta

No mesmo día, xa pola tarde, realizouse unha actividade sobre bullying. En primeiro lugar divididos en poboados, e despois entre todos, comentamos casos de bullying, inventados ou reais, suxerimos as posibles vías para solucionar os conflitos, e xeitos de previr estas situacións. A pesar da timidez inicial, rematou por ser unha sesión moi produtiva.

Máis tarde realizouse unha actividade sobre dereitos humanos. Mediante un xogo de capturar a bandeira, cada poboado sufriu as consecuencias de que se lles retirara algún dereito humano: dereito á liberdade, dereito á vivenda, dereito á migración e dereito á educación. A actividade rematou cunha reflexión sobre as consecuencias de estar privado dese dereito durante o xogo, e tamén sobre as consecuencias na vida real.

Varios

Na mañá seguinte, as viquingas e viquingos foron retados a unha gincana para obter unha mensaxe. Para elo cada poboado tivo que navegar no seu propio drakkar entre diferentes portos, onde atoparían probas que terían que superar para obter algunhas runas viquingas: tiveron que loitar para unha xenerala, facer nós para un fabricante de barcos, memorizar unha serie de obxectos para unha taberneira, resolver enigmas para un conde e representar a sociedade dun rei. Unha vez pasadas as probas, tiveron que resolver a mensaxe ordenando as runas e descubrindo o seu significado.

Gincana

E así remata esta historia. Os poboados levantaron o campamento, limparon a zona do asentamento e embarcaron no seu drakkar rodante de volta as súas rexións de orixe. Tardaremos moito en esquecer esta experiencia viquinga.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.